Novas 2019

ESPECIAL

08 Xu˜ 2019

O remo vístese de gala no Kursaal

O remo vístese de gala no Kursaal

O pazo de congresos donostiarra celebrou esta tarde unha nova Gala da Eusko Label Liga e da Liga Euskotren chea de emoción e bo ambiente

Máis de 600 convidados puideron gozar nesta tarde dunha nova edición da festa do remo, na que por un día, os remeiros deixan de lado os adestramentos para vestírense de gala e dar a benvida a unha nova tempada na que todos eles loitarán pola Coroa CaixaBank e o Trofeo CaixaBank. Este ano o Pazo de Congresos Kursaal acolleu de novo a Gala da Eusko Label Liga. Antes de dar comezo á entrega de premios, os integrantes da ACT Band, realizaron unha actuación frente a ollada atenta de todos os asistentes.

Sandra Sabatés, copresentadora do Intermedio, e Joxe Felipe Auzmendi, voz da Eusko Label Liga, foron os encargados de dirixiren un acto cheo de emocións no que, entre outras cousas, se premiaron os méritos colleitados polos clubs durante a tempada pasada. A entrega de premios comezou premiando ás traiñeiras máis veloces da pasada campaña da man de Imanol Leza, Director Xeral de Euskotren. Urdaibai Avia conseguiu ser a embarcación máis veloz da pasada tempada, logo de ter marcado unha punta de velocidade de 4,79 m/s na Bandeira Concello de Boiro, mentres que as ‘Batelerak’ de San Juan Iberdrola obtiveron o seu galardón ao acadaren os 4,35 m/s na VII. Euskotren Bandera.

Itziar Egaña, Directora da Área de Negocios de CaixaBank en Donostialdea, foi a encargada de entregar o remo ao mellor patrón da tempada 2018 ao deportista de San Pedro Ander Etxegoien, que posou co novo maillote que vestirá esta tempada o líder da clasificación do Mellor Patrón CaixaBank. Tras unha votación na que participaron todos os adestradores da pasada edición da Eusko Label Liga, o Remo ao Mellor Adestrador recaiu en Mikel Orbañanos, preparador de GO fit Hondarribia, premio que recolleu de mans de Leire Baños, xogadora da Real Sociedad de Fútbol. Por primeira vez, os seguidores das redes sociais da ACT puideron escoller un dos premiados da Gala. Guillermo Alonso, de San Miguel, entregou o Remo da Afección a Bermeo Arraun Argazkiak, recoñecéndolle así o labor que fan en beneficio do remo de traiñeiras.

Borja Rodrigo, Presidente da ACT, foi o encargado de entregar o Remo ao Mérito Deportivo a Berdin-Berdinak Kirol Elkartea, polo seu incansábel labor na inclusión social das persoas con discapacidade mediante o deporte. Outra das novidades coas que contou esta gala foron os denominados Remos de Ouro. Este premio recoñece a carreira deportiva de remeiros sobresaíntes no ámbito da Eusko Label Liga e da Liga Euskotren. Iñaki Goikoetxea, de Lekittarra Elecnor, e Itziar Olasagasti, de Orio Babyauto recibiron da man de Asier Arrese, Director de Hazi, estes premios dourados pola súa grande traxectoria de 29 e 17 anos nos seus respectivos clubs.

O derradeiro Remo, o Honorífico, foi entregado por partida dobre. Eugenio Fernández, responsábel do Comité Técnico da ACT dende a súa orixe e GO fit Hondarribia, en recoñecemento dos 50 anos da súa fundación, recibiron este premio.

Unha vez rematado este primeiro bloque, pasouse a proxectar un spot no que se presentou a nova tempada da Eusko Label Liga e Liga Euskotren 2019. Despois, foi a vez para que as ‘Batelerak’ de San Juan Iberdrola, vixentes campioas da Liga Euskotren recibisen unha réplica do Trofeo Euskotren de mans de Imanol Leza. Logo delas, Itziar Egaña entregou a réplica da Coroa CaixaBank a Urdaibai Avia como vixente campión. O evento tamén contou cos discursos de Guillermo Alonso, en representación de San Miguel, e Asier Arrese, Director de Hazi.

Unha vez rematada a parte protocolaria do evento, os asistentes gozaron do espectáculo ofrecido polo mago David Blanco, e posteriormente, os convidados asistiron a un lunch na terraza do Kursaal con produtos de Eusko Label acompañados dunhas refrescantes cervexas San Miguel.

Voltar