Novas 2018

ASOCIACION

13 Dec 2018

Getxo, unha parada fixa para a máxima competición

Getxo, unha parada fixa para a máxima competición

A ACT e a Sociedad Puerto Deportivo El Abra Getxo selan un convenio de colaboración para a desputa da Getxoko Ikurriña até o 2022 

 

O alcalde de Getxo e presidente da Sociedad Puerto Deportivo El Abra–Getxo S.A, Imanol Landa, canda Borja Rodrigo, Presidente da ACT, asinaron esta mañá un acordo polo cal a máxima competición de traiñeiras, tanto masculina como feminina, desembarcará na localidade biscaína para pór en xogo a Getxoko Ikurriña até o 2022. Deste xeito, Getxo continúa a ser un dos destinos imprescindíbeis da Eusko Label Liga, estando a localidade biscaína ligada á máxima competición dende a súa fundación no 2003. Precisamente nese ano, as augas getxotarras viviron o final da que foi a primeira Liga organizada pola ACT. 

Así, o obxecto deste acordo, tal e como indicou Imanol Landa, “é a promoción das regatas da Getxoko Ikurriña e as actividades ligadas a esta, como mecanismo de difusión do Porto Deportivo de Getxo, por ser este o seu porto base para a organización, os clubs, os participantes, entidades colaboradoras e sociedade no xeral. Tamén quixo sinalar o alcalde que, “este evento ten especial relevancia para o Porto Deportivo de Getxo polo impacto mediático que ten e polo valor engadido que outorga á infraestructura portuaria como localización de xeración de economía produtiva para o municipio”. 

No acto de sinatura deste novo acordo tamén quixeron destacar que “a Eusko Label Liga, así como a Liga Euskotren, son eventos deportivos de notábel repercusión social e económica e xa que a Sociedad Puerto Deportivo El Abra Getxo está interesada no fomento e promoción das competicións deportivas ligadas ao Porto Deportivo como mecanismo de atracción e posta en valor desta infraestructura portuaria, entendendo que a acollida dun evento desta magnitude como base para unha das súas probas, a Getxoko Ikurriña, é un elemento de promoción económica e turística para o porto que merece ser promocionada dacordo co seu obxecto social”.

O presidente da Asociación de Clubs de Traiñeiras (ACT), Borja Rodrigo, pola súa banda, sinalou que, mediante este acordo, a ACT comprométese a incluír as regatas Getxoko Ikurriña, feminina e masculina, no calendario de regatas puntuábel da Eusko Label Liga e da Liga Euskotren 2019, así como dos anos sucesivos até o vindeiro ano 2022 inclusive en caso de prórroga. “O acordo que asinamos non fai máis do que refrendar a importancia e o valor que ten para a nosa Asociación unha localidade como a de Getxo, que vén navegando connosco dende a fundación da ACT no ano 2003. É por isto que quero expresar en nome de toda a Asociación, o agradecemento pola confianza depositada ao longo de todos estes anos por parte da SPDAG e do propio Concello de Getxo", explica Rodrigo. "Estamos xa a traballar para que o vindeiro 28 de xullo as mellores traiñeiras do momento inunden de cor as augas de Getxo e gozemos dunhas imaxes espectaculares como as vividas nestes últimos anos", concluiu o máximo dirixente da ACT.

Voltar